PRESENTACIÓN
Ola a todos e todas!
Os nosos nomes son Ana Franco Pardal e Adriana García Álvarez e somos estudantes do Grao de Mestras en Educación Primaria na Universidade de Santiago de Compostela. Somos, ademais, as creadoras deste blog, no cal publicaremos o noso traballo de ArtEducación e de intervención na contorna. A finalidade deste, polo tanto, será ofrecerlle aos nosos lectores e lectoras un espazo aberto no que compartir oportunidades de experimentación coa contorna, así como ofrecerlle a educadores/as, artistas ou investigadores/as un lugar de interese para a súa inspiración.
Traballar a contorna dende unha visión artística fará que conectemos con esta de xeito máis intenso, o cal nos levará a ser máis conscientes do que nos rodea e desenvolver actitudes de compromiso cara o coidado da natureza. Así mesmo, as accións que desenvolveremos teñen como punto inicial a EFEMERIDADE, o cambio continuo que ten lugar na realidade, o cal provoca a interacción e o diálogo constante.
No noso caso, este proxecto está dirixido pola profesora Cristina Trigo Martinez, docente da materia Educación Visual e Plástica II: Procesos e proxectos artísticos, e a pretensión do mesmo é vincular este traballo artístico ca ensinanza primaria, facendo que esta materia resulte máis productiva e motivante para o alumnado e así sair das visións máis tradicionais da Educación Plástica e Visual.
Para mellorar a accesibilidade e o interese do alumnado, decidimos, recrear a nosa idea a través da nosa conta de TikTok: A contorna efémera. Esta plataforma permítenos, ademais, traballar a educación artística musical, introducindo sons e cancións que lle dan maior dinamismo aos videos creados.
Por outra banda, o deseño do blog non é froito da casualidade, senón que está pensado para representar a transición na nosa procura da inspiración. As nosas propostas seguen unha liña de cor que representa a vitalidade das inspiracións previas.

Comentarios
Publicar un comentario