ARTISTAS QUE NOS INSPIRAN. MANFRED GNÄDINGER






Tamén coñecido como o ermitaño de Camelle, chegou a este pobo e asentouse nel, xa que quedou marabillado da súa costa. Alí recreouse como pintor, filósofo e escultor vivindo toda a súa vida rodeado de natureza e das súas propias creacións.

Días despois de que o Prestige sufrira o fatal accidente que encheu as costas galegas de hidrocarburos, Manfred morreu como consecuencia do seu pesar, xa que o seu particular museo quedou destruído.

A principios dos anos 70, Man comeza a súa obra na cal o círculo e as cores básicas son fundamentais. Todo comeza coa creación do espigón de Camelle no ano 1985 que pasaba por enriba do seu xardín-museo. Enviou protestas ás autoridades en contra deste proxecto e conseguiu que se modificase en parte. Como reivindicación a este feito, Man deitouse no formigón deixando así a súa propia silueta. Podemos dicir que este foi o inicio do seu museo, onde se podían ver distintas recoleccións de pedras, ósos de animais, artes de pesca e outros elementos que lle traía o mar. Todas estas estaban perfectamente conxuntadas seguindo as formas esféricas que el adoitaba crear.




O que máis nos inspira da obra de Man, é o feito de que entregase aos visitantes uns lapis de cores e unha libreta onde tiñan que debuxar o que vían, que era para eles e elas o museo e ao propio Man. Tamén lles pedía que puxesen o nome e a data de nacemento, quizais esperaba que fosen eles mesmos quen lle axudasen a atopar o sentido da súa obra e da súa existencia. 




Comentarios